LisLatas

Pepe Vaamonde

Pepe Vaamonde é o músico que realiza un rigoroso control de cualidade e posta a punto de cada instrumento. Nado no ano 1971, Pepe Vaamonde leva máis de vinte anos estreita e continuamente vinculado ao mundo de gaita. Os seus comezos remontan á agrupación folclórica Aturuxo, da Coruña, cando contaba só quince anos, así como tamén ao seu primeiro cuarteto de gaitas, chamado Lecer, en que facía dúo co seu irmán Xesús Vaamonde. Na faceta de gaiteiro solista, cómpre subliñarmos os primeiros premios que obtivo en case todos os concursos de gaita na década dos anos noventa ('Gaiteiro de Soutelo', 'Manuel Villanueva', 'Pelegrín', 'Constantino Bellón' etc.) e nalgún deles, como é o caso deste último, do prestixioso 'Constantino Bellón' de Ferrol, o máis importante do país, erixiuse en gañador en tres ocasións, sendo, por iso, o gaiteiro que mais veces gañou o antecitado certame até ao día de hoxe.   

Non é de estrañar, por tanto, que a sona de Pepe Vaamonde como gaiteiro proveña en boa medida deses primeiros premios conseguidos na maior parte dos concursos celebrados na Galiza, aos cales habería que acrecentar todos aqueles certames, os menos, en que, non se facendo co principal galardón, a súa interpretación ficou valorizada entre as primeiras.

Por outro lado, merece ponderarse a súa vertente como docente de gaita, xa que se trata dun labor que ten desenvolvido desde hai moitos anos, tanto en agrupacións folclóricas canto dun xeito individual a persoas concretas. É titulado medio en gaita galega polo conservatorio Mayeusis de Vigo e, na actualidade, é mestre da Escola de Música e Conservatorio Privado do Colexio Fingoi, de Lugo, así como, na liña do exposto anteriormente, mestre de gaita en diversas asociacións da provincia lucense (na Fonsagrada, Baralla ou Pedrafita do Cebreiro), contando en total con máis de cen alumnos.

Máis un aspecto que indubitabelmente debe ser salientado son a súas composicións de obras para gaita, moitas delas publicadas e nomeadamente coñecidas nos ambientes gaiteirís do país. Aínda que destacan as pensadas para gaita solista, non teñen menos relevancia as concibidas para dúo de gaitas; algúnhas desas obras foron editadas nas coleccións Doce Polainas Enteiras ou De pano Sedán, de Edicións do Cumio, ao paso que outras fan parte do repertorio habitual de grupos e de solistas da Galiza. Estamos a falar de melodías como a muiñeira 'Aturuxeira', a polca 'Vai de polca' etc., sobradamente coñecidas e versionadas por outros gaiteiros.

Como artista, ten tres discos no mercado: o primeiro deles foi Danza Prima, CD gravado por resultar gañador do concurso 'Pelegrín' de gaita no ano 1993; na gravación dese primixenio traballo tamén participaron o seu irmán, Xesús Vaamonde, que se encarregou do tambor, da pandeireta e da guitarra, e Xosé Manuel Sánchez Rei, que se ocupou do bombo e do bodhránn. Máis tarde, en 2002, saíu á rúa o seu segundo disco, intitulado Aviouga, e o terceiro, co nome de Onde nace o vento, foi publicado en 2005. Estes dous últimos traballos foron gravados coa formación que lidera na actualidade, Pepe Vaamonde Grupo, conxunto en que Pepe se dedica ás gaitas e ás frautas e co cal ten compartillado escenario coas principais figuras do folque internacional en diversos países (Galiza, Portugal, Estados Unidos, Bretaña, España etc.), como Carlos Núñez, Berrogüetto, Kepa Junkera, Solas, Kornog, Mercedes Peón ou Susana Seivane, entre outros.

O estilo interpretativo de Pepe Vaamonde caracterízase por unha depuradísima técnica, en que sobrancean con voz propia as técnica e os procedementos ornamentativos tradicionais da gaita galega, tales como a xusta combinación de picados, batementos ou acentos ou mesmo un vibrato característico, que xa creou escola entre o seus alumnos. Isto quere significar, por tanto, que cada movemento dos dedos está profundamente estudado e contrastado, de forma que o resultado auditivo, como ben o demostran os concursos gañados, é dunha cualidade pouco usual, o que sitúa Pepe Vaamonde entre a selecta elite de gaiteiros galegos da actualidade.

Finalmente, convén pormos en destaque que coinventou, xunto co artesán Lis Latas, o 'punteiro afinábel', auténtica revolución no mundo da gaita. Neste proxecto está a traballar presentemente e ocúpase, alén diso, do control de calidade no obradoiro de gaitas dese artesán.